Archive for the Category » saídas «

Mércores, Abril 29th, 2015 | Author:

P1090366Hoxe fomos ás Xunqueiras do Alba. Saímos do colexio nada mais tocar o timbre de entrada. Fomos andando. Cando chegamos, despois de pasar pola “casa do medo” e Pontecabras, atopamos a un grupo de peregrinos/as portugueses de Ponte de Lima, que tamén está na calzada romana XIX, preguntando por un camiño alternativo, cun móbil. Víctor agardaba por nós na fonte co seu coche e a súa mesa cos trebellos. Saudámolo, segue coa imaxe de cabeza pelada, aínda que moi lúcida. Estaba alí desde as oito da mañá.  Xa tiña catro bolsas colgadas no seu coche e dixo que silencio pois os paxaros capturados podían coller estrés. Colleu a primeira bolsa e abriuna con moito coidado de que o que había dentro non escapara. Era un carrizoCoenagrion_mercuriale_Xunqueira_do_Alba_2015 (copia). Súas mans eran firmes pero amorosas co paxaro. Medímolo, anelámolo e pesámolo. Logo Víctor púxollo a un rapaz nas man e este soltouno. Que alegría para o paxaro! Así oito veces. Por último fomos ver as redes que Vítor puxera sen axuda ningunha ás oito da mañá. Tivemos o privilexio de  oir cantar a unha ra de San Antón e ver dúas libeliñas azuis (coenagrion mercuriale) ameazadas de extinción. Todo un luxo de mañá. Volvemos ao cole sobre as 12:18. Mentres estabamos alí pasaron dúas peregrinas de Sudáfrica e dúas de Alemaña que foron entrevistadas en riguroso inglés polos nosos alumnos/as. Tamén tivemos un compañeiro durante toda a saída e que sae na cuarta foto da galería: o can de Uxía.

Todas as fotos aquí.

Category: saídas  | 3 Comments
Martes, Abril 28th, 2015 | Author:

paEOnte viñeron Palmira, na foto,  e Bea a amosarnos e falar dos vídeos que gravamos, que gravaron os de Lérez e Xeve e os de Europa. Tivemos algún tropezo coa tecnoloxía pero remontamos e puidemos falar do que queriamos. Dentro de aproximadamente un mes estarán de novo aquí. Interesoulle moito a Palmira a tecnoloxía de muíño de cubo, tanto que investigou en Patrimonio. Gabou moito aos rapaces e rapazas por telo expresado tan ben.

Mañá imos con Victor Cabaleiro ás Xunqueiras do Alba. Veremos paxaros, falaremos de anelamento, ecosistemas, etc. Iremos andando, é dicir, a saída non ten custe económico para as familias. O bo tempo para esa mañá, está asegurado polas predicións meteorolóxicas de varias páxinas webs.

Todas as fotos AQUÍ

Category: saídas  | One Comment
Martes, Abril 14th, 2015 | Author:

P1090095Odaiko e un grupo musical galego de catro mozos xoves que tocan a percusión. E como a tocan! Tocaron, para o noso deleite, moitos instrumentos. Comezaron polo seu propio corpo  e seguiron coa marimba, maracas de man como unha especie de ovos, zocos, marimba electrónica, tubos de PVC, que saen na foto. Todo facendo unha música modernísima (“semellaba unha discoteca”) sen esquencer a tradición. Os que temos boca quedamos con ela aberta e arrincaron aplausos sinceros dun público escolar completamente entregado.

Todas as fotos AQUÍ

Category: saídas  | One Comment
Mércores, Marzo 25th, 2015 | Author:

muinho_2Despois de practicar moito este mes e expresar moitas veces o que iamos dicirlle á cámara de Palmira, hoxe fomos aos muíños de Piñeiro e as Gándaras. Eso si, fomos ao grande como estrelas de cine, en taxi. Que é mais barato que en autobús. Fomos de balde pois pagou e organizou o  Concello dentro do programa de intercambio Ponte a Europa que consiste en promocionar o noso idioma dentro de Europa aproveitando a estadía de moitos galegos e galegas nas universidades máis famosas do continente.

Todas as fotos aquí.

Category: saídas  | One Comment
Luns, Marzo 23rd, 2015 | Author:

via romanaHoxe fomos ás xunqueiras do río Rons, Alba ou as Gándaras. Fomos para recoñecer o terreo para outras saídas e preparados/as para facerlle preguntas en inglés aos posibles peregrinos, de Porto a Compostela, que atopemos. Hoxe atopamos dúas peregrinas brasileiras, María e Patricia, moi amables e simpáticas que nos invitaron a ir a Brasíl e que viñeron desde Sao Paulo ata Porto en avión e desde Porto camiñando ata Santiago. Hoxe ían durmir en Caldas de Reis. Todos sabemos que pola beira deste espazo natural pasa hoxe o Camiño portugués a Santiago.  Noutro tempo pasou por aquí a calzada romana XIX como testemuña un marco que hai xusto na ponte de Pontecabras. Queremos saber e recoñecer que estamos a dous quilómetros da antiga calzada romana. Que por aquí,  hai 2.000 anos pasaban romanos, soldados  e comerciantes, que despois de pasar pola ponte do Burgo ían camiño de Lugo ou de Astorga,  Santiago de Compostela aínda non existía. Hoxe pasa a vía do tren, a estrada, a autoestrada a Compostela e o Camiño portugués a Santiago. Todo un recurso educativo na parroquia, só a dous quilómetros do cole. Logo fixemos unha práctica oral (clase na natureza) do que iamos dicir o vindeiro xoves 26 para que grave Palmira a de Ponte Europa.

Todas as fotos AQUÍ

Category: saídas  | Comments off
Mércores, Novembro 26th, 2014 | Author:
P1080190
Onte, día 25 de novembro de 2014, os de 3º 4º e 5º fomos ao monte de Montecelo. Primeiro fomos á biblioteca do cole ás 10:20  e asistimos a unha charla de Amancio da Asociación micolóxica Brincabois sobre os cogomelos. Logo fixémoslle preguntas e ao final fomos ao monte. Este ano fomos a un lugar diferente de Montecelo, na “estrada das Antenas”. Os monitores foron Amancio e mais Jaime. O entorno era de castiñeiros e o máis interesante era estar rodeados de outono. Todo o terreo do monte estaba cuberto  e o sol filtrábase polas follas de cor castaño-verde que aínda quedaban nas polas: o outono.
O profe organizounos en grupos de tres,  avisándonos de que non tocaramos nada e que se atopabamos algo chamáramos por Jaime ou por Amancio. O pequeno souto cambiou o rechouchío dos paxaros por aquelo de “Jaime aquí”!, “Amancio aquí”! Aquelas chamadas chegaron a ser rebumbio. Estes paxaros con pernas moito berran! Imaxino que os animais fuxirían, mais viñamos coller cogomelos e estes non poden fuxir.
Pero se vimos coller cogomelos! E ao principio non se vían, de tanta folla que había. Agora que, a medida que pasaba o tempo, os nosos ollos ían descubrindo aquí e alí esas extraordinarias formas. Ese foi o outro descubrimento do día: outra forma de mirada.  Ao final trouxemos varios cestos cheos de cogomelos que expuxemos, coa axuda de Jaime e Amancio, na entrada do colexio. Non deixedes de ver a exposición porque os cogomelos logo se estragan.

TODAS AS FOTOS AQUÍ

Category: saídas  | 4 Comments
Luns, Novembro 10th, 2014 | Author:

P1070912 (copia)O venres, día 7,  fomos a cidade mais grande que ten Galicia non norte: A Coruña. O motivo foi que iamos ver o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Un novo museo que ten esta gran cidade e que é practicamente descoñecido. Fomos participar nas xornadas de Biotecnoloxía organizadas polo museo. Todo o museo e fermoso: o edificio, as exposicións…  O que máis impacto causou nos nenos/as foi a enorme cabina do mítico Boing 747 “Jumbo” de 20 metros de altura e tres andares. Os monitores dixeron que para metelo alí tiveran que desmontala en pezas e logo reconstruíla dentro. Ademais tivera o privilexio de traer o sonado cadro de Picasso que estaba no Moma de New York ata que en España houbera democracia. Vaia pasaseiro! Logo da visita ao museo, Manuel Vicente García, presentador do programa da Radio Galega “Efervesciencia”, deunos unha charla coa presencia dun ilustre morto: Louis Pasteur. Faláronnos de iogures, pan, viño, cervexa, insulina para diabéticos e demais cousas que usamos a cotío e que non sabiamos que son biotecnoloxías. Gustounos especialmente o lixeiro acento francés de Pasteur. Logo Manuel Becerra, investigador de renome, deunos outra charla sobre biotecnoloxía e microorganismos. Maís tarde, repartímonos en tres interesantísimos obradoiros. Rematamos no museo e fomos dar en bus, ameazaba chuva,  unha volta polos lugares maís coñecidos da Coruña: a enseada do Orzán, a Domus, a Torre de Hércules patrimonio da Humanidade, Riazor, o quiosco Afonso e a estatua de Asorei en honor a Curros Enríquez, o porto, os Cantóns coas súas acristaladas solainas. Terra e mar, misturadas en equilibrada proporción, unha marabilla. Para volver con máis calma por exemplo nas vacacións de Nadal.

Todas as fotos aquí

 

 

 

Category: saídas  | 3 Comments
Xoves, Outubro 23rd, 2014 | Author:

P1070585
Onte fomos os de Infantil e 5º a ver a casa de Pepe. Como nestes últimos anos, Pepe e Pili amosáronnos a súa incribe finca. Castiñeiros, árbores froiteiras, composteiro, horta,… Este ano Pepe non estaba e recibiunos Pili. Houbo dúas novidades: que había catro colmeas de abellas e a degustación de mel. Conforme iamos vendo toda a xiada finca e mirando os froitos do outono, cogomelos incluídos, iámonos achegando ás catro colmeas que están ao fondo da finca. Os rapaces e rapazas do colexio quedaron a unha distancia de seguridade e non houbo ningún problema. Logo volvemos polos nosos pasos, como dando un repaso, e degustamos o mel das abellas que acababamos de ver debaixo da sombra dun castiñeiro, un luxo. Pili tiña preparadas varias cuncas coas dúas variedades de mel que producen as súas abellas. Os nenos e nenas tiñan fame, notábase, e comeron mel e galletas dabondo ademais das súas merendas. Tamén tiña Pili preparada unha cesta de froitos de outono que se producen na súa finca e que trouxemos para o cole. Logo do abundante almorzo fomos ver o xardín e ao lado da horta collemos castañas do chan que aínda estaban nos ourizos para o noso magosto. Un diazo. Acompañounos o bo tempo. Ata o vindeiro outono do vindeiro  curso.

 

Todas as fotos AQUÍ

Category: saídas  | 7 Comments
Xoves, Setembro 11th, 2014 | Author:

normal_P1070026

Fixemos moitas cousas. En primeiro lugar presentámonos para saber quen somos. Logo contámonos oralmente que fixemos nas vacacións. Mais tarde fomos  debuxar o Castrove e recoller mostras de materia orgánica para facer un cultivo de paramecios que logo miraremos por microscopio. Metemos os restos de follas secas e palla nun recipiente con auga e ímolo deixar uns 10 días para que os microorganismos se reproduzan e multipliquen.

O do Castrove é moi interesante pois en primavera voltaremos para ver se mudou  o seu aspecto co cambio de estación.

Tamén fixemos un debuxo e revisamos os libros.

O profe fixo fotos. Para velas clica AQUÍ

Category: saídas  | 13 Comments